Saltar ao contido

O soño da cámara vermella

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O soño da cámara vermella
Título orixinal紅樓夢 e 石頭記
Autor/aCao Xueqin
OrixeDinastía Qing
Linguawritten vernacular Chinese e Dialeto de Pequim
Xénero(s)zhanghui novel, Xiaoshuo e saga familiar
Data de pub.1792, século XVIII e 1868
editar datos en Wikidata ]
Unha escena da novela pintada polo artista da dinastía Qing, Sun Wen (1818-1904).

O soño da cámara vermella (chinés tradicional: 紅樓夢, chinés simplificado: 红楼梦, pinyin: Hóng lóu mèng, Wade Giles: Hung Lou Meng), escrita por Cao Xueqin, é unha das Catro Grandes Novelas Clásicas da China. Foi escrita a mediados do século XVIII durante a dinastía Qing. É unha obra-prima da literatura chinesa e é recoñecida xeralmente coma o cumio das novelas clásicas chinesas.[1]

Crese que O soño da cámara vermella é semiautobiográfica, reflectindo o ascenso e o declive da familia de Cao Xueqin e, por extensión, da dinastía Qing.[2] Como o autor indica no primeiro capítulo, intenta que sexa unha lembranza das damas que coñeceu na súa mocidade: amigas, parentes e criadas. A novela destaca non só polo número das súas personaxes e a súa psicoloxía, mais tamén pola súa precisa e detallada observación da vida e as estruturas sociais da sociedade chinesa do século XVIII.[3]

Características

[editar | editar a fonte]

O título da novela pódese traducir alternativamente coma O soño da cámara vermella ou Un soño de mansións vermellas, e ás veces denomínase con outro nome, A historia da pedra (chinés tradicional: 石頭記, chinés simplificado: 石头记, pinyin: Shítóu jì, literalmente "A gravación da pedra"). Só os oitenta primeiros capítulos foron escritos por Cao Xueqin. Outros autores crearon máis de cen finais alternativos, adoito engadindo corenta capítulos adicionais para completar a novela.

Crese que a novela é semiautobiográfica, reflectindo os designios da familia do autor. Como o autor detalla no primeiro capítulo, pretende ser unha homenaxe ás mulleres que coñeceu na súa xuventude: amigas, parentes e serventes. A novela destaca non só polo enorme elenco de personaxes (a maioría femininos) e o ámbito psicolóxico, senón tamén pola súa precisa e detalla observación da vida e das estruturas sociais típicas da aristocracia chinesa do século XVIII.[4]

Por causa da censura literaria imperante na China das dinastías Ming e Qing, o libro publicouse primeiro anonimamente e só despois se lle atribuíu a Cao Xueqin a súa autoría.

A complexa historia textual d novela continúa a ser obxecto de crítica, debate e conxectura. Cao Xueqin, membro dunha eminente familia que servira a dinastía Qing pero cunha fortuna que comezara a declinar, escribiuna durante a década de 1740.[5] No tempo da súa morte en 1763 ou 1764, Cao completara os primeiros oitenta capítulos da novela e posiblemente bosquexara os principais capítulos.[6] Estes primeiros oitenta capítulos circularon durante a vida de Cao en manuscritos.[7] A primeira versión impresa, publicada por Cheng Weiyuan e Gao E en 1791, contén edicións e revisións non autorizadas polo autor.[8] É posible que Cao destruíse os últimos capítulos[9] ou que polo menos algunhas partes do final orixinal de Cao se incorporase nas versións de 120 capítulos de Cheng-Gao,[10] co "emendas" de Gao E do bosquexo de Cao.[11]

Peza dunha serie de pinturas do artista da dinastía Qing Sun Wen (1818–1904), que mostra unha escena da novela.

Argumento

[editar | editar a fonte]

A novela é unha relación detallada en episodios da vida de dúas ramas do aristocrático clan Jia (賈), a casa Rongguo (榮國府) e a casa Ningguo (寧國府), que residen en dous recintos familiares adxacentes na capital. Os seus antergos foron feitos duques e recibiron títulos imperiais; o comezo da novela as dúas casas están entre as máis ilustres familias da cidade. Un membro da prole do clan é convertida en consorte real, e constrúese un xardin exuberante para recibir a súa visita. A novela describe a riqueza e a influencia de Jia con gran naturalismo e conta a caída de Jia dende o máis alto prestixio, seguindo trinta personaxes principais e máis de catrocentos secundarios. O clan Jia perde o favor do emperador e as súas mansións son atacadas e confiscadas.

Na historia enmarcada da novela, unha pedra consciente, abandonada pola deusa Nüwa cando arranxou os ceos, roga a un sacerdote taoísta e un monxe budista que a leven con eles para ver o mundo. A pedra ten a ocasión de aprender sobre a existencia humana e entra no reino mortal.

A principal personaxe da novela é un despreocupante adolescente herdeiro da súa familia, Jia Baoyu, que naceu cunha peza de xade na súa boca. Na súa vida ten un importante vínculo que seu enfermizo primo, Lin Daiyu, que comparte o seu amor pola música e a poesía. Non obstante, Baoyu está predestinado a casar con outra prima, Xue Baochai, posuidora de graza e intelixencia e exemplo da muller ideal, pero sen conexión emocional con el. A rivalidade romántica e a amizade entre as tres personaxes contra o fondo da fortuna en declive da familia forma o argumento principal da novela.[12]

A novela está escrita en chinés vernáculo máis do que en chinés clásico e axudou a establecer a lexitimidade do idioma vernáculo. O seu autor, Cao Xueqin, tamén estaba versado en poesía chinesa e chinés clásico, e escribiu tratados no estilo erudito semi-wenyan. As conversacións da novela están escritas no dialecto de Beijing do mandarín, que se converteu na base do chinés falado moderno, con influencias do mandarín da zona de Nanjing (onde vivía a súa familia a principios do século XVIII). A partir do século XX, os lexicógrafos empregaron o texto para establecer o vocabulario da nova lingua estándar e os reformadores usaron a novela para promover a escritura vernácula.[13]

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

Realizáronse polo menos catorce adaptacións cinematográficas da novela, incluíndo o filme de 1944 dirixido por Bu Wancang, a adaptación polo Shaw Brothers Studio en Hong Kong, protagonizada por Sylvia Chang e Brigitte Lin, e o filme de 1988 dirixido por Xie Tieli (谢铁骊) e Zhao Yuan (赵元). Este último tivo unha preparación de dous anos e unha rodaxe de tres. Con 765 minutos, é o filme chinés máis longo.

A novela adaptouse polo menos dez veces á televisión (á parte das adaptacións da ópera chinesa), incluíndo a célebre serie de 1987, que é considerada na China a case definitiva adaptación da novela. Outras versión televisivas foron unha serie taiwanesa de 1996 e unha versión de 2010 dirixida por Li Shaohong.

O compositor chinés-americano Bright Sheng compuxo unha ópera en dous actos en lingua inglesa baseada na novela, con libreto del xunto con David Henry Hwang. A ópera, de tres horas de duración estreouse o 10 de setembro de 2016 na San Francisco Opera.

  1. "From West to East: Conservation of the Chinese novel ‘Dream of the Red Chamber’". British Library. 
  2. Jonathan D. Spence, Ts'ao Yin [Cao Yin] and the K'ang-Hsi Emperor: Bondservant and Master (New Haven,: Yale University Press, 1966) is a study of Cao's grandfather.
  3. "CliffsNotes, About the Novel: Introduction". Cliffsnotes.com. Consultado o 2-11-2017. 
  4. "CliffsNotes, About the Novel: Introduction". Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2012. Consultado o 05 de xaneiro de 2011. 
  5. Shang 2010, p. 282-283
  6. Shang 2010, p. 282
  7. Shang 2010, p. 283
  8. David Hawkes, "Introduction," The Story of the Stone Volume I (Penguin Books, 1973), pp. 15–19; Shih-Ch'ang Wu, On the Red Chamber Dream : A Critical Study of Two Annotated Manuscripts of the 18th Century (Oxford: The Clarendon Press, 1961).
  9. "曹雪芹自己销毁了110回《红楼梦》的后30回 (Cao Xueqin himself destroyed the 110 chapter Dream of the Red Chambers' last 30 chapters)". ifeng.com of Phoenix Television. 4-2-2008. Arquivado dende o orixinal o 30-03-2012. Consultado o 07-12-2017. 
  10. Maram Epstein, "Reflections of Desire: The Poetics of Gender in Dream of the Red Chamber," Nan Nu 1.1 (1999): 64.
  11. Edwards 1994, p. 11, 64
  12. "The Story of the Stone (The Dream of the Red Chamber)". Complete review. 
  13. "Vale: David Hawkes, Liu Ts'un-yan, Alaistair Morrison". China Heritage Quarterly of the Australian National University. Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2020. Consultado o 07 de decembro de 2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]